20/12/16

"A VERDADEIRA HISTORIA DE CARAPUCHIÑA VERMELLA"

Aquí vos deixo o vídeo, sen editar, da representación que fixo o alumnado de quinto no festival de Nadal 2016. "A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella" resultou ser unha divertida obra teatral que deleitou a pequenos e maiores.
Moi ben por estes rapaces e rapazas. Tamén parabéns para Tomé e Sandra, que colaboraron na elaboración dos magníficos decorados e para a profe Luisa que conseguíu ver sobre o escenario os froitos do seu traballo.



CONCERTO DE ANO NOVO: "MARCHA RADETZSKY"

O alumnado de 5º participou no festival de Nadal coreografiando esta composición de Johan Strauss, famosísima por ser interpretada cada ano como remate do concerto de ano novo en Viena.



14/12/16

COMPARTINDO CIENCIA

Rematamos a "Semana da Ciencia en Galego" levando as nosas experiencias aos compañeiros/as doutras clases (1º, 2º, 3º e 4º) e incluso ao patio do recreo. Estas son as imaxes que nos quedan da experiencia.

COMPARTIMOS CIENCIA NOUTRAS AULAS on PhotoPeach

24/11/16

CIENCIA NA AULA DE QUINTO

O mes de novembro é o mes que adicamos a traballar a ciencia en galego. Empezamos coa  magnífica xornada do día 14, adicada á Química. Podedes ver o vídeo en leriasdevite.

Durante esta semana levamos á práctica 3 experiencias moi variadas, todas elas relacionadas con Jules Verne e 3 dos seus títulos ("Vinte mil leguas de viaxe submarina", "A volta ao mundo en 80 días" e "Da Terra á Lúa").
Por que o Nautilus podía submerxirxe no mar e saír á superficie? Como está construída a Torre Eiffel e outros edificios altos de todo o mundo para que se manteñan en pé? Como pode subir unha nave ao espacio?
 Nos vindeiros días compartiremos a nosa aprendizaxe con nenos e nenas doutros cursos.




16/11/16

AS RESPOSTAS QUE NOS DA A CIENCIA

O comportamento dos fluídos, as reaccións químicas, os ácidos e as bases, as densidades... Estes e outros moitos conceptos manexaron os nosos nenos e nenas coa dirección de María, Raquel, Miguel e Jorge (membros da Asociación Xuvenil Galega de Química).
Tiveron a oportunidade de comprender e/ou facer o seguinte: descifrar mensaxes segredas, que facer cando temos acidez de estómago, fabricar neve artificial para a nosa árbore navideña, preparar de xeito ben doado as "esterificacións" que vemos en Master Chef, facer un semáforo de moitas cores usando fluídos de distintas densidades, inflar un globo aproveitando as burbullas dunha reacción química...
Foi unha sesión moi didáctica. Mágoa de non ter máis tempo!

9/11/16

OBRADOIROS DE QUÍMICA


O luns poderemos exercer de científicos. Será nos obradoiros que nos presentarán os membros da Sociedade Xuvenil Galega de Química. Un total de 5 experiencias diferentes nas que poderemos participar en pequenos grupos.

DÍA DO PEÓN 2016

O venres lembrade traer os mellores ánimos para lanzar os vosos trompos e que bailen sen parar! Se chove estaremos no pavillón e se fai bo estaremos na pista de arriba.

7/11/16

EMPEZAMOS A APRENDER CON JULES VERNE

Estas son algunhas imaxes das actividades que estamos a facer a partir da obra de Jules Verne co alumnado de 5º.
Para empezar a lectura de varios dos seus libros, a busca de información para "viaxar" cos seus protagonistas e a participación na ambientación do cole.


26/6/16

AMORIÑOS COLLÍN

O alumnado de 5º EP interpretando "Amoriños Collín", baixo a batuta da profe Sandra.

20/4/16

ENTREGA DE PREMIOS BRILÉ 2016

Rematou o torneo de brilé 2016 con grande éxito de participación e, o millor de todo, sen incidencias graves. Seguindo as bases do mesmo, todos os equipos participantes gañaron un premio (ademais do diploma de participación).
XI TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ (XANEIRO – ABRIL 2016) - RESUMO FINAL
OURENSE     
PORTELA     
LUGO            
CORUÑA      
SANTIAGO   
VIGO             6º

Parabéns para o alumnado participante e para as alumnas - axudantes, que estiveron cada día coidando de que todo saíse ben.

ENTREGA DE PREMIOS BRILÉ 16 on PhotoPeach

8/11/15

DÍA DO PEÓN 2015

Estes días estamos practicando cos nosos trompos para perfeccionar a técnica. O mércores estaremos a tope durante o recreo para celebrar o Día do Peón 2015.
Estas son imaxes e vídeos recollidos na clase de EF o venres.

28/10/15

Samaín

Lembrade que dentro destas actividades NON hai nada nin programado nin referido a vir disfrazados, así que solicitamos que NON o fagades mañán!

Aproveitamos para lembrarvos que os días venres 30 de Outubro e luns 2 de Novembro son NON LECTIVOS.

11/9/15

Material principio de curso

Ante as dúbidas que expresáchedes sobre o material de inicio de curso informamos que a vindeira semana todos os niveis terán un listado completo deste. Coma sempre podedes ir traendo o típico estoxo de superheroes ou a mochila do equipo de baloncesto co material clásico: lapis, goma, afiador, ceras... Todo o demais, como carpetas, portafolios, libretas será solicitado a vindeira semana.

Gracias pola vosa paciencia. Vémonos o luns.

8/9/15

Reunión Importante

O Claustro do CEIP de Vite solicita a presenza de todas a familias.
LUGAR: Salón de Actos do colexio
DATA: Mércores 9 de setembro
HORA: 18:30
Informarase a toda a Comunidade Educativa do CEIP de Vite da grave problemática de inicio do curso 2015-16.
(Para axilizar a reunión pregamos que só veñan pais, nais e titores legais).

O Claustro.

5/6/15

CARREIRA DE OREINTACIÓN

Estas son algunhas imaxes recollidas durante as carreiras de orientación en equipo realizadas na clase de Ed. Física esta semana. Percorreron todo o entorno do centro para atopar as balizas de sinalización e completar o percorrido trazado no plano.

24/5/15

AS CINCO SECUENCIAS 6º

Déixovos esta presentación cunha mostra da actividade de expresión corporal realizada a semana pasada na clase de Educación Física.




15/4/15

EDUCACIÓN VIAL

Estas son as imaxes da actividade na que participaron hoxe os nenos e nenas de 5º e 6º: un "contacontos musical" na que repasaron algunhas normas de circulación ademais de desfrutar cantando a todo volume.


14/4/15

OBRADOIRO DE EMOCIÓNS

Estas son as fotos que fixen ao alumnado de 5º con motivo da participación nun obradoiro de emocións no edificio de Abanca da Rúa do Vilar.


12/4/15

ENTREGA DE AGASALLOS DO X TORNEO DE BRILÉ

A X edición do torneo de brilé rematou coa entrega de agasallos a todos os equipos souberon xogar resolvendo pacificamente os conflitos. Tamén recibiron agasallo as catro nenas de 5 que desempeñaron o labor de axudantes de maneira moi eficaz.

21/12/14

FESTIVAL NADAL TARDE E VISITA Á AULA DAS SSMM OS REIS MAGOS

Como o prometido é débeda, aquí tedes a vosa actuación no festival de nadal da tarde. Engadín tamén algunha foto da visita dos Reis Magos á nosa aula.



19/12/14

Festival de Nadal: o circo da vida.

Ola a todos: déixovos a actuación que fixeron, pola mañá, os vosos fillos e fillas no festival de nadal. Boas festas a todos e Feliz Ano!


17/12/14

XOGANDO AO CINE EN EDUCACIÓN FÍSICA

Hoxe, na clase de Ed. Física de quinto, tocaba xogo libre. Algúns nenos e nenas quixeron adicar ese tempo a facer un pequeno trailer de cine, coa axuda dos ipads (aplicación IMOVIE).
Só dispuxeron duns 35 /40 minuntos así que non podemos pedir moito máis.


15/12/14

NADHIFA EN INDONESIA

Nadhifa tivo que regresar ao seu país, Indonesia, e desde alí mandounos un correo electrónico con estas fotos na quer aparece na compaña dos seus amigos e profes.


16/11/14

O PEÓN: XOGOS E TRUCOS

Déixovos este vídeo feito coa colaboración da maioría do alumnado de 5º e 6º, como traballo da área de Ed. Física.

15/10/14

OS MONITORES E MONITORAS DOS XOGOS TRADICIONAIS

Durante os recreos dos luns e xoves (máis outros días que eles teñan ganas) a maioría do alumnado de 5º e algúns de 6º estarán polo patio lucindo os seus petos laranxas de MONITOR/A.
Xa empezaron coa súa función de xogar con outros nenos e nenas de diferentes idades para ir transmitindo, de xeito oral todos aqueles coñecementos sobre xogos tradicionais que eles xa teñen.



3/6/14

VITE INFORMA DE 6º

Como sabedes, durante este curso estivemos levando a cabo unha iniciativa, a nivel de centro, promovida polo equipo TIC. Trátase dun programa informativo no que foron participando diversos grupos.
Déixovos aquí o programa realizado polo alumnado de 6º.

18/5/14

IMAXES DALGUNHAS ACTIVIDADES DO MES DE MAIO

Déixovos algunhas imaxes dalgunhas das últimas actividades que fixemos, individualmente, ou con compañeiros do colexio:
- Festival das Letras Galegas.
- Obradoiro de Escrita Creativa.
- Obradoiro de Reciclaxe.

6/5/14

3/4/14

FIN DO TORNEO DE BRILÉ 2014


Estas son as fotos da entrega de agasallos do torneo de brilé deste ano. Non están todos/as os que xogaron porque só 4 equipos acadaron "trofeo" (3 equipos máis tiveron penalizacións por non axustarse estrictamente ás normas do torneo: solución pacífica dos conflitos. Outra vez será.
Parabéns para todos os gañadores/as e os xogadores/as dos outros equipos que souberon participar con limpeza e compañeirismo no xogo e que conseguiron o seu diploma. Tamén para as tres axudantes colaboradoras (Bea de 5º e Paula e María de 3º) polo seu magnífico traballo.

BRILÉ 2014 on PhotoPeach

21/3/14

SESIÓN DE TRABALLO CO ESCRITOR ANTONIO MANUEL FRAGA

O xoves, 13 de marzo, os alumnos do 3º ciclo, tivemos unha sesión de traballo, na biblioteca do centro, co escritor Antonio Manuel Fraga, autor de “O Castañeiro de Abril”. Ao longo deste segundo trimestre lemos e fixemos actividades con este libro.
O libro trata dun zapateiro, chamado Buto, que conta a historia do seu amigo Baltasar, un rapaz de once anos, cego de nacemento e orfo de nai, que vive coas súas tías, Olegaria e Berenguela, dúas xemelgas moi antipáticas e un pouco malvadas. Acompañado do seu can, Barriga Branca, Baltasar vende na praza dos Zoqueiros soldadiños e bailarinas de madeira. O seu obxectivo é reencontrase co seu pai...
A sesión co escritor estivo moi interesante: falamos do libro, preguntámoslle dúbidas, coñecemos un pouco máis da súa vida, asinounos os libros, fixémoslle un pequeno agasallo como lembranza do seu paso polo colexio, etc.
Dende esta páxina queremos darlle as grazas! Gustounos moito e resultou moi educativa.
Deixámosvos unha presentación, en imaxes, da actividade.



1/3/14

IMAXES DE ENTROIDO. XUÍZO E TESTAMENTO DO MECO

Deixovos unha pequena mostra da actividade desenvolta no venres de Entroido. Tamén tedes incluído o vídeo co xuízo e testamento do Meco. A disfrutar do merecido descanso!


22/2/14

INICIAMOS AS ACTIVIDADES DO ENTROIDO

Na semana pasada empezamos a realizar actividades relacionadas coa festa do Entroido.
Cos compañeiros de 5º fixemos un mural no que disfrazamos.....? Iso é o que vos toca adiviñar!
Tamén, con persoal de Urbana Norte, empezamos a facer máscaras venecianas, que na semana que ven pintaremos. Aí van unhas imaxes das actividades. Que vos gusten!


21/2/14

VISITA AOS MUSEOS CIENTÍFICOS CORUÑESES


Unha pequena mostra do que poidemos disfrutar na saída aos Museos Científicos Coruñeses o martes 18 de febreiro.


15/2/14

O PASO PARA O IES

CHARLA-COLOQUIO CO DIRECTOR E ORIENTADORA DO IES XELMÍREZ II COS ALUMNOS DE 6º DE E.P.
             O mércores 12 de febreiro, á volta do recreo, tivemos unha sesión de traballo co Director (José Luís) e a Orientadora (Cruz), do IES Xelmírez II, na nosa aula.
     Ademais de facer un percorrido virtual polo centro, mediante imáxenes, estivéronnos explicando o que nos vai supoñer o traslado a ese centro: a nivel de horarios, profesorado, áreas/asignaturas, normas, medios,....
     Nós fixemos, para o día seguinte, unha pequena reflexión do que teriamos que cambiar, ou mellorar, para levar a bo termo os nosos estudos.





Uns máis, outros, menos, pero apuntamos, sintetizadas, ideas como:
  • “Teño que mellorar no comportamento, non facer o tonto e deixar de xogar na clase”.
  • “Teño que cambiar o ritmo de traballo, atender máis nas clases, e non facer o tonto nin o lacazán”.
  •   “Debería de estudar máis, repasar as cousas e volvelas a ler, nos exames ler as preguntas máis dunha vez e repasalos... e estudar máis”
  •  “Debería facer máis e esforzarme máis”.
  • “Se teño algunha dúbida, pregunatr e non calar, atender ás explicacións, traballar con bo ritmo, fixarme máis na escrita, intentar non deixar as tarefas para o último día e non deixar cousas sen facer”
  •  “Debo cambiar a miña forma de traballar e aínda prestar máis atención”.
  • “Debería mellorar o meu comportamento, estar máis atento nas clases, charlas, saídas..., facer as actividades que me mandan e ser máis independente á hora de facelas. Pero penso que non son o suficientemente maduro para pasar para o IES”.
  • "debería escribir máis rápido, estar máis atento, presentar mellor os traballos e facelos todos, ler moitísimo máis e estudar, cada día, o que nos vaian explicando".
  • "Considero que teño que mellorar a letra, facer rápido as actividades, fixarme cando copio os enunciados, releer as actividades cando as acabo e esforzarme máis en todo".

REFLEXIÓN DA TITORA:
Creo que tedes claro o que tedes que facer cada quen. Eu estou de acordo coas ideas que apuntades. Algunhas precisan que transcorra tempo pero, outras,….. que vos parece se xa empezamos a poñelas en práctica? 
Se empezades agora, non credes que xa tedes moito camiño andado?
ANÍMOVOS A INTENTALO XA!   
A POR TODAS CHICOS E CHICAS!!!!

13/2/14

CONCERTO DIDÁCTICO NO TEATRO PRINCIPAL

RITMOS IBÉRICOS NO TEATRO PRINCIPAL CO GRUPO DE PERCUSIÓN ODAIKO E A BANDA MUNICIPAL
O luns, día 10, fomos os alumnos de 5º e 6º de EP ao Salón Teatro, a participar nun espectáculo do grupo Odaiko e a banda Municipal de Santiago.
Narraron a historia dun grupo de percusionistas que se foron de viaxe por diferentes puntos da xeografía. En cada cidade ou CCAA que paraban, sempre se encontraban con algo que lles animaba a poñerse a tocar. Por iso poidemos escoitar e facer nós tamén ritmo co nosos corpo de música moi variada: muiñeiras, sevillanas, marcha militar, samba, etc.
Gustounos moito porque foi moi participativo, ameno, e “marchoso”.
Deixamos unhas imaxes, algunhas con ritmo!



8/2/14

CONCERTO NO AUDITORIO DE GALICIA

Os do terceiro ciclo iniciamos as actividades complementarias dos 2º trimestre asistindo a un concerto da Orquestra Xoven da Real Filharmonía de Galicia o día 24 de xaneiro.

 Foi a primeira vez que asistimos a un concerto de músicos tan novos e en tan grande número. Había moitísimos músicos.  A maioría dos instrumentos eran de corda e de vento.Foi moi diferente a todos aos que asistimos.
 Ímosvolo contar: unha rapaza estaba sentada, nunha esquina do escenario, e ía lendo un diario dunha moza, estudante de conservatorio. Cada vez que lía un anaco, e tendo en conta o que transmitía, os músicos interpretaban unha peza. A moza, que se namorou dun compañeiro, soñaba con viaxes a distintos países e a orquestra interpretaba as pezas acordes cos seus soños. Ao final, iso fíxose realidade!

 Gustounos moito e resultounos moi entretido!
Deixámosvos unhas imaxes.
(Chicas e chicos de 6º de E.P.)

1/2/14



CONTA CONTOS DA EDITORIAL VICENS VIVES
            O venres 17 de xaneiro fomos ao salón de actos, xunto cos compañeiros de 4º e 5º para participar nunha actividade de conta contos ofertada pola editorial Vicens- Vices.
Desta editorial leramos no primeiro trimestre a obra “Noiteboa de Pantasmas” que nos gustou moito. Os contos non tiñan relación con este libro pero tamén nos gustaron moito e ademais foron moi entretidos.
Ao entrar vimos unha mesa tapada cun pano negro e enriba un cesto. Pareceunos que non había ninguén pero si que había: a conta contos estaba agochada debaixo da mesa.
            O primeiro conto tratou dun mozo que foi pasear  a un bosque e veu pasar unha rapaza moi fermosa. Prendouse dela. Ao día seguinte volveu ao mesmo sitio e volveu a pasar a moza. Miráronse e.... así foron pasando os días ata que, un día, o mozo foi quen de falarlle. Namoráronse e decidiron casarse pero a moza púxolle como condición que nunca podería abrir o cesto para mirar o que había dentro.
E así foi, casaron, eran moi felices pero un día que el quedou na casa porque estaba enfermo e, a muller si saíu, el non puido resistir a tentación de abrir o cesto. Botou grandes gargalladas ao comprobar que estaba baleiro. Nese momento a muller notou como se lle partía o corazón. Ao chegar a muller á casa axitouno e soou como se estivera cheo de cousas. A muller, decepcionada, marchou e nunca máis se volveu a saber dela.
CONCLUSIÓNS QUE SACAMOS:
* Aínda que non poidamos ver algunha cousa non quere dicir que non exista
* Non todas as persoas son como aparentan.
* Nunca, pero nunca, debemos romper as promesas.

    O segundo tratou de dúas tartarugas que se namoraron e casaron. Ela sempre estaba na casa mentres el ía pescar. Como se aburría, ao cabo dun tempo, foille pedindo algunha cousa: pinturas…. El mercáballe un cadro xa feito; unha partitura ou unha frauta.... el mercáballe un equipo de musica, etc. Cada cousa que lle levaba íalla atando enriba da cuncha, de xeito que chegou un momento en que xa case non se podía mover. Pensando, pensando, decidiu saír da cunha e empezar a facer cousas. E así o fixo: brincaba, bailaba, pintaba... Ata que un día decidiu fuxir e outras tartarugas decidiron facer o mesmo.
CONCLUSIÓNS QUE SACAMOS:
* Debemos respectar as ideas dos demais, dos compañeiros para que sexan os nosos amigos.
* As persoas teñen que ser libres, independentemente do sexo.

            O terceiro conto tratou dunha señora que ía para o mercado a vender mel pero tropezou, e caeulle todo ao chan. Púxose a chorar e dicía: “Papá Deus, Papá Deus, porque me traes tanta desgraza?
Un mono observou a escena e, ao marchar a señora, probouno e gustoulle. Pensou que a desgraza era o mel e polo tanto que a desgraza era algo delicioso.
Foi xunto a Papá Deus a pedirlle toda a desgraza do mundo. Deulle un saco e díxolle que o fose a abrir ao medio do deserto. A sorpresa foi que del saíron uns cans famentos... O mono empezou a correr diante deles, dando voltas, e cando xa pensaba que lle chegaba o fin, brotou unha árbore, subiuse a ela e salvouse.
CONCLUSIÓNS QUE SACAMOS:         
* Non todo é o que parece, cando teñamos dúbidas se interpretamos algo ben, debemos preguntar antes de concluír. Co diálogo será mellor a convivencia.
*  Nunca debemos perder a esperanza; sempre hai algunha “man amiga” coa que contar.

(Chicos e chicas de 6º)


REPRESENTANDO PROFESIÓNS: "CUBISMO"

Unha pequena mostra de como os "grandes" artistas de sexto, intentan seguir os pasos dun dos grandes da historia: PABLO PICASSO.


MANS POLA PAZ


Mostra dos lemas e mans pola PAZ.


7/11/13

MALABARISMO CO PEÓN - ÓSCAR

Con moita práctica e habilidade. Semellaba imposible pero... Hai quen é capaz de bailar o peón dos xeitos máis sorprendentes. Óscar é un crack; a proba está no seguinte vídeo no que aparece facendo xirar o seu trompo enriba dun pé. A ver se no "gran día" é capaz de facelo en directo.


6/11/13

I SEMANA DA CIENCIA EN GALEGO


Celebración no CEIP de Vite I
Na semana do 28 de outubro conmemorouse a “I Semana da Ciencia en Galego”, no CEIP de Vite I.
En todas as aulas realizaron experimentos científicos e posteriormente cada grupo presentoullos a compañeiros; algúns aos do mesmo ciclo e noutros casos, coma a nós, que tamén nos presentaron as súas actividades os de 4º de EP.
Nós traballamos sobre a materia, as súas propiedades e os seus cambios. Elaboramos unha presentación en power point. Traballamos de forma experimental, no laboratorio, para medir a masa e o volume de obxectos e despois poder calcular a súa densidade e comparala coa da auga (flotación), realizamos e observamos cambios físicos e químicos, etc.
Xunto con Álex o de prácticas e a nosa titora montamos nunhas mesas, diante da biblioteca, unha exposición interactiva aberta á comunidade educativa, para realizar diferentes xogos de matemáticas, observar rochas e minerais, diverso material de laboratorio, etc.
Resultounos moi interesante, pasámolo moi ben e aprendemos moito sobre todo cos experimentos.Poñémosvos unhas imaxes desta conmemoración.
 




5/11/13

INICIAMOS A ACTIVIDADE

Benvidos ao novo curso escolar!

Iniciamos as publicacións, aínda que con retraso, comentando algunha das actividades realizadas ata o día de hoxe e que non son meramente escolares. 

O 18 de outubro fomos, cos compañeiros de 5º, ao Auditorio de Galicia, no que poidemos disfrutar da representación da obra "A voz das baleas" de Robert Crumb. Ao principio, os tres músicos participantes, fixeron diferentes demostracións de como os instrumentos empregados, piano, frauta e violonchelo, tocados axeitadamente, imitan sons de animais ou da natureza en xeral.
 Logo xa representaron a peza indicada e, a verdada, gustounos porque foi un concerto diferente.(6º de EP)







16/6/13

SAÍDA FIN DE CURSO A CERCEDA: 3º, 5º E 6º DE E.P.

Aquí tedes unha pequena mostra do que disfrutamos o venres no aquapark de Cerceda (alumnos de 3º, 5º e 6º de E.P.). Non só iso: os compañeiros de 6º de E.P. recolleron o premio por participar e quedar de semifinalistas no concurso Ecopreguntoiro. Bueno, e tamén podemos ver a Edu contando o seu chiste a todo o público presente, jeje.
Roi, o compañeiro de 5º, deunos unha clase de Coñecemento do Medio xa que atopou nunha árbore a unha libélula en pleno proceso metamorfósico: saíndo da crisálida.
Grazas aos compis de 6º por convidarnos a esta actividade!
Resultou xenial!

23/5/13

OS XOGOS DE ANIMAIS NA CLASE DE ED. FÍSICA

Xa rematamos a presentación dos traballos en 6º e falta moi pouquiño en 5º. A experiencia está resultando moi positiva e a gran maioría dos rapaces e rapazas están demostrando unha gran habilidade e bo facer á hora de poñer en práctica os seus xogos.
Hoxe Edu quixo facer un agasallo a todo o grupo e trouxo un novo xogo (cada alumno/a tivo que elixir só un xogo para presentar ante os seus compañeiros/as porque o tempo non dá para máis), chámase A PATA DE GALO e consiste en ir facendo figuras collendo un cordel coas mans de diversos xeitos. A fonte bibliográfica de onde o sacou foi o libro CHIRLOSMIRLOS, de ANTÓN CORTIZAS  

Déixovos, tamén unha presentación coas fotos da xornada:

PREME NA IMAXE

19/5/13

DÍA DOS MUSEOS NO MUPEGA



O Día Internacional do Museo celébrase en todo o mundo o 18 de maio, co obxectivo de achegar os museos á sociedade e ao público en xeral.

O alumnado de 3º ciclo de EP tivo a sorte de poder participar, xunto coas persoas de AGADEA -Asociación Galega de Enfermidade de Alzheimer-, nunha visita ao MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), o xoves 17. Alí compartimos uns momentos entrañables practicando os xogos de sempre e incluso indo á escola que as señoras maiores lembraban e aos nosos nenos foilles moi divertida.
A experiencia compartida foi moi enriquecedora para todas e todos, como se pode apreciar nas fotografías.

25/4/13

VISITA FINA CASALDERREY

Esta semana recibimos a semana de Fina Casalderrey, que nos contou anécdotas moi interesantes da súa vida e obra. Tamén asinou os nosos exemplares do seu libro "O misterio do faro vello".
Estas son as imaxes para lembrar ese momento tan importante da sinatura dos libros.


24/4/13

O LIBRO DA AMIZADE: CONTO ENCADEADO

O alumnado de 5º e 6º preséntavos este conto encadeado, elaborado por eles/as, con motivo do Día Internacional do Libro 2013; os outros ciclos tamén tiveron que facer as súas propias creacións.
Onte, día 23 de abril, foi a "estrea mundial" con grande éxito.


18/4/13

CAMPIONATO NACIONAL DE SUPERTICS ONLINE - MATEMÁTICAS


O día 17 de abril de 2013 os alumnos e alumnas de 6º de E.P. do CEIP de VITE I participamos nun campionato nacional de supertics online (matemáticas), entre  as 9 horas da mañá e as 9 horas da noite. O número de participantes foi de 1609 alumnos/as en toda España.
Na categoría individual dentro do top 60 clasificamos: Eduardo de 1º (campión nacional), Sergio de 10º, Marcos de 30º, Sara de 41º, Silvia de 54º e Hugo de 55º.
Na categoría de clases de sexto: 6º de E.P. do CEIP de VITE I clasificou no 2º posto a nivel nacional.
Na categoría de colexios non puidemos participar por non reunir os 50 alumnos, que era número mínimo esixido para participar.


17/4/13

Teatreiros!

Eiquí tedes a aportación de cuarto e quinto ao 18º certame de Teatro Intercentros, que se celebrou no salón de actos de Maxisterio.


Empeza cos Poemas do Río de cuarto e remata cos Camareiros da Seguridade Social de quinto.

Parabéns a todos eles!

9/4/13

Rematou o VIII torneo de brilé (toda a información poderédela atopar na seguinte ligazón ao blog leriasdevite.
Hoxe recibiron o seu diploma de participación todos os xogadores e xogadoras de 5º e 6º que finalizaron o torneo adaptándose ás normas do mesmo.
Estas son as súas caras de felicidade, despois de recibir os merecidos aplausos dos compañeiros.
Parabéns para todos e todas!

O xoves, no recreo, entregaremos os agasallos para os equipos clasificados nos tres primeiros postos.


1/4/13

ACTIVIDADES EN IMAXES - 2º TRIMESTRE

Ola... Déixovos aquí un pequeno resumo, en imaxes das actividades complementarias do segundo trimestre.