25/10/17

INVENTOS INTERESANTES: O XADREZ

PUBLICADO POR BRAIS PORTOS  

Cóntanse moitas historias sobre o xadrez. Dise que o inventou un sabio indio para divertir ao seu rei, tamén que o creou o xeneral grego Palamedes no ano 1240 a.c. para animar aos soldados.

O antepasado do xadrez chámase chaturanga. É un xogo indio de loita que apareceu no século VI d.C . Xogábase nun taboleiro de 64 casiñas, pero con dados. As súas catro pezas representaban un exército: soldados de infantería, elefantes, tanques e cabaleiros.

No século XVII establecéronse definitivamente as regras do xadrez a partir dese antigo xogo de Guerra.

INVENTOS INTERESANTES: CEPILLO DE DENTES

PUBLICA BRAIS PORTOS


UNHA POLIÑA ENTRE OS DENTES
Os exipcios utilizaban pequenas pólas para limpar os dentes, mordisqueaban a punta e, co puñado de fibras que obtiñan, limpábanse os dentes. Máis adiante, os gregos utilizaron bastonciños de madeira, de óso ou de metal precioso: os primeiros escarbadentes!

CEPILLOS DE PELO DE ANIMAIS 
No século XV, os chineses inventaron o antepasado do cepillo de dentes: un mango de óso dotado con pelos ásperos de xabarín. Este utensilio apareceu por primeira vez en Europa no século XVI.

21/9/17

O LABORATORIO NA AULA

Todos os seres  vivos están formados por células. Podemos diferenciar algunhas delas observando a través do microscopio? Niso andivemos estes días no noso recén inaugurado laboratorio de aula.






23/6/17

FESTA FIN DE CURSO 2016-2017

Estas son as imaxes que nos deparou a xornada de hoxe: moita diversión e convivencia.
Grazas a todas as persoas que fixeron que este curso fose bonito e produtivo para o noso alumnado.
Que teñades unhas magníficas vacacións!


22/6/17

POLA CONTORNA DO COLE

Coa calor e o remate do curso decidimos facer un tempiño extra para debuxar aproveitando as posibilidades que nos ofrece a zona privilexiada na que está o noso cole. E aquí os tedes pintando e tamén xogando un pouco.
O xogo do tren das agachadas foi un remate perfecto e moi, moi divertido!

20/6/17

XOGOS DIVERTIDOS PARA UN DÍA DE CALOR

Este era o día perfecto para estas actividades: clase de Educación Física a última hora e calor a tope.
As imaxes falan do que nos aburrimos hoxe.

ENTREGA DE PIENSO PARA OS GATOS DE VITE!

Hoxe aproveitamos a clase de Ed. en Valores para facer entrega do pienso de gatos dos donativos que recollemos nestes días no cole. Amal actuou de portavoz do grupo e explicoulle a Mª José Carbonell, "activista animal" de ARGO, o traballo realizado desde a súa charla na nosa clase. Foi emocionante para todos/as comprobar a importancia das nosas accións, aínda co pouco tempo que tivemos para esta actividade.

A caixa seguirá no cole para seguir recaudando todo o que vós queirades aportar para os gatos do barrio. E xa atopamos un deles durmindo na nosa casa de gatos!


19/6/17

EXCURSIÓN FIN DE CURSO 2016-2017

Isto foi o que nos deixou a xornada de hoxe na nosa saída didáctica á cidade de A Coruña, coa visita ao Acuario e á Domus. Desculpade pola mala calidade de algunhas imaxes, o que conta é o recordo.

31/5/17

OBRADOIRO COCIÑA RUSO-CARIBEÑA

O obradoiro de hoxe consistía en elaborar un dos dous platos elixidos (blinnis - gastronomía rusa/ plátanos en tentación - gastronomía caribeña) seguindo unha receita. 
Debían facelo en equipo e solucionando as dúbidas de interpretación da reeita, problemas técnicos, etc. E, por suposto, o resultado final debía ser comestible.
As profes confiamos no noso alumnado e axudamos o mínimo.
Todo funcionou á perfección!

ESCOLA DE BÁDMINTON COMPOSTELA

Estas son as imaxes da xornada que poidemos compartir con Xoel e Adrián da Escola de Bádminton Compostela. Os seus golpeos levantaron o entusiasmo de todos e animaron a seguir traballando para mellorar.
A ver se en vindeiros cursos podemos contar con este deporte dentro das actividades extraescolares.

A COMPRA NO GADIS

Estas son as imaxes da visita ao Gadis para facer a compra para a nosa receita ruso-caribeña. Ben organizados coa súa lista da compra, comprobando prezos, composición dos produtos para evitar gluten, lactosa e azucre, axustándose ao presuposto...
Impecable actuación e boísima acollida por parte das traballadoras da tenda que incluíu premio: camiseta do Depor ou do Celta!


19/5/17

O AEROXERADOR DE "LÚA CHEA"

Idalina, Manuel, carlos, Rodrigo e Yago traballaron así de ben. Tamén tuvemos a sorte de contar con algún manitas nas familias que nos fixeron todo un pouco máis doado. E os nenos, á súa vez, puideron compartir cos outros equipos as solucións a certos problemas técnicos.

O bo deste concurso é que non temos que entregar os traballos feitos, só as fotos e vídeos do proceso.
Bravo por vós e polo voso entusiasmo!

O AEROXERADOR DOS "GUERREIROS ESPACIAIS"

O equipo formado por Brais Portos, Carla, Luis, Airas e Victoria traballaron a fondo para facer o seu rañaceos con aeroxerador incluído.
Aquí podedes ver o seu traballo do que se senten ben orgullosos/as.
Grazas polo voso esforzo!

18/5/17

O AEROXERADOR DOS "ENERXÉTICOS"

Con moito entusiasmo e solucionando múltiples problemas, algúns con axuda familiar chegou tamén a meta este equipo. A axudiña final foi moi apreciada pola premura do tempo e ademais polos detalles  preciosos que podedes ver: a pila dentro dunha caixiña e a lámpada.

Grazas a todos e todas polo voso esforzo!


17/5/17

O AEROXERADOR DE "ENERXÍA SIDERAL"

Este equipo formado por Alén, Yam, Sara Elisa, Fabrizio e Anxo quixo inspirarse en Jules Verne e a estética steam punk para a súa creación. Moita imaxinación e un bo traballo, repartindo tarefas e axudándose uns a outros. Utilizaron cartóns e botellas de leite, materiais moi lixeiros e doados de atopar. Pegalos resultou ser todo un reto debido, sobre todo, á súa superficie deformada.

A montaxe do motor e resolución de diferentes problemas loxísticos resultou un reto pero tamén moi motivador.

Outro traballo moi ben resolto. Parabéns equipo!

Preme na foto para ver a presentación

O AEROXERADOR DO "NAUTILUS"

Bruno, Antón, Sara Míguez, Diego e Chano remataron o traballo e así de satisfeitos estaban ao remate. 
Rechearon as latas de bebidas con pedriñas, uniron con cemento, buscaron a maneira de equilibrar os materiais reciclados co  motor aportado pola empresa e non perder de vista o sentido estético.

Tiveron que superar múltiples problemas que foron resolvendo por sí mesmos o buscando algunha axudiña ou suxestión. moi poucas. O caso é que o trebello funciona a pesar de que non houbo posibilidade de repoñer unha peza, a peza, defectuosa.

Parabéns para este equipazo polo traballo tan coordinado que conseguiron levar a cabo durante estes días e tamén polo resultado!

A TENDA DOS LARETAS REABRE AS SÚAS PORTAS

A tenda dos Laretas está a pleno rendemento con grandes ofertas, descontos e promocións para atraer ao público.
Este ano dispoñemos de melloras como a entrega de albarán en cada compra, que permite comprobar, reclamar, facer cambios, etc.


9/5/17

ARGO - ASOCIACIÓN POLA PROTECCIÓN DOS ANIMAIS

ARGO é unha asociación que axuda en Santiago aos animais que o necesitan: recollelos na rúa, esterilizalos, curalos, acollelos en fogares de adopción... Todo isto é moito máis coa colaboración de persoas voluntarias como Mª José Carbonell, a nai de Rodrigo, que estivo hoxe con nós para explicarnos este labor tan necesario e transmitirnos as posibilidades que todos e todas temos para poder colaborar na protección dos animais:
- Facer donativos en metálico e incluso de libros, xoguetes e calquera obxecto que poidan vender nos mercadiños solidarios que fan na Praza do Toural os sábados.
- Actuar cando atopamos un animal abandonado.
- Colaborar como  fogar de acollida ou adoptando un animal.
- Donar medicamentos sobrantes a través dos veterinarios.
- Axudar no coidado dos gatos da rúa con auga, pienso, etc.

Moitísimas grazas polo traballo que facedes a diario e por compartir esta xornada con nós.

3/5/17

ÁFRICA

Fabien, o pai de Samuel de 4º, e o seu amigo Lalo organizaron unha xornada marabillosa para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de EP.
Fixeron unha presentación de imaxes para ver os contrastes existentes en África e que nos fixeron ampliar a visión que temos dese gran continente: zonas áridas e sabanas, cidades e aldeas, pobreza e luxo....
Cantamos e bailamos e finalmente saboreamos plátano frito e buñuelos de plátano que Fabien cociñou para nós. Estaba todo boísimo.
Despois do recreo, e xa só para o alumnado de 5º, sesión de capoeira no pavillón con Fabien e os profesores e alumnado avanzado da escola de capoeira IANDÊ. Explicáronnos que inicialmente a capoeira era unha defensa dos escravos pero agora xa é un deporte. Trouxeron un birimbao (instrumento artesanal feito con madeira e unha cabaza) e un pandeiro. Cantamos e practicamos algúns exercicios básicos e moi divertidos.

Gracias Fabien, Lalo e escola Iandê Capoeira!

26/4/17

A VESPA VELUTINA

Hoxe tivemos a ocasión de observar niño (o que quedaba del) que estaba formando unha vespa velutina raiña. Nel había unha pequena colmea con 2 crías, varias larvas e ovos. Aproveitamos para coñecer un pouco máis sobre a aparición desta especie asiática en Galicia e os efectos negativos que están a producir entre as nosas abellas.



"CONTOS REVOLTOS" - O REI DO ESPAZO

O Rei do espazo é o título do conto que traballamos para celebrar o Día do Libro 2017.
As aventuras de Rex, que vive nunha granza de vacas galácticas, que vai a unha escola galáctica e que constrúe unha nave lanzacacas que finalmente transforma nunha nave lanzanatillas.

O equipo estivo formado polos alumnos/as de EP e EI  Gael, Carla, Julio, Sabela, Ana Clara, Mari, Anxo, Martina, Sergio e Noa e coordinado pola profe Carmela.

Despois de ler o conto, coa participación de todos/as, fixemos unha bonita ilustración.

A experiencia foi moi interesante aínda que o tempo resultou escaso.

23/4/17

EDUCANDO CON MALIBÚ

Adriana, da Casa Grande de Xanceda, estivo no noso cole acompañada pola súa cadeliña Malibú, Mallibú e unha cadeliña que foi abandonada. Falounos ( e tamén falamos) de cousas tan importantes como: 
·  Causas do abandono
·  Qué é unha canceira?
·  A adopción como vía máis responsable para ter unha mascota
·  Benestar animal.
·  Responsabilidade social coa mascota: 
o Identificación con chip
o Manter as rúas limpas.
o Identificación de maltrato ou animais abandonados
·  O labor do voluntario.
·  A realidade do abandono animal.
·  Coñecer as responsabilidades antes de adoptar un animal
·  Cuidados necesarios para a nosa mascota


27/3/17

ANIMACIÓN Á LECTURA GALERÍA SARGADELOS

Un carteiro no seu último día de traballo é o protagonista desta historia gañadora do IX PREMIO COMPOSTELA, correspondente ao ano 2016. A obra de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi foi publicada por Kalandraka e servíu para iniciar o obradoiro que fixemos hoxe na Galería Sargadelos.

Se premedes na imaxe poderedes ver unhas imaxes feitas durante o mesmo.

22/3/17

O MESMO VOLUME, O MESMA MASA?

Idalina, Fabrizio, Luís e Sara Míguez tiveron que experimentar coas propiedades xerais da materia (masa e volume). Usaron unha bóla de ferro e outra de plastilina dun tamaño semellante. necesitaron superar problemas coas probetas, coa balanza de laboratorio e cos desprazamentos por sorpresa dos líquidos.
Comprobaron que a igual masa o volume varía moito e que esta variación vén motivada pola distinta densidade: a materia máis densa tén máis masa aínda que as dúas bólas tiñan un volume moi parecido.

Carlos quixo comprobar como era iso de pesar cando non existían as balanzas modernas e había que ir poñendo pesas ata nivelar os 2 platos da balanza. Así que tivemos unha prolongación da clase de Matemáticas coas unidades de masa e as operacións con diferentes unidades.



O COMPORTAMENTO DOS LÍQUIDOS

O equipo formado por Rodrigo, Iria, Álvaro e Yam tiveron que deseñar a súa experiencia para comprobar o comportamento dos líquidos. Viron que se adaptan á forma do recipiente  que os contén e explicaron moi ben que factores inflúen para que o líquido se estenda ou non polo mesmo.


O APOLO 5º CHEGOU Á LÚA

Aquí aparecen ben orgullosos/as coa súa obra de enxeñaría aeronáutica (faltan Antón e Airas que aínda están enfermos).
Se O Sr. Jules Verne estivera en activo seguro que lles copiaba esta magnífica nave!

21/3/17

OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO

Estas son as portadas dos "discos ficticios" que fixemos no obradoiro de coeducación con Sandra e Iria de Educultoras. O alumnado analizou textos de cancións ben coñecidas e cambiaron as letras eliminado aspectos de posesión ou dependencia nas relacións de parella. Un primeiro paso de cara a unha verdadeira coeducación.





COMO ACTÚAN AS FORZAS SOBRE A MATERIA?

Diego, Bruno, Candela, Brais Portos e Alén realizaron unha experiencia moi interesante para explicar   o que ocorre cando aplicamos unha forza sobre un obxecto e como ese comportamento varía dependendo de distintas circustancias. Falaron da forza da gravidade, da forza de rozamento, do movemento ou a deformación que pode sufrir un obxecto cando sobre el actúa unha ou máis forza...
Moi ben equipo!

A MASA, O VOLUME E A DENSIDADE: PROPIEDADES DA MATERIA

Victoria e Brais Espiña quedaron sen a metade do seu equipo pero apañáronse moi ben para medir volumes, masas e facer as súas hipótesis que expliquen o comportamento do aceite, o mel e o deterxente de lavar a louza cando os introducimos nun mesmo recipiente. Tiveron que usar todo tipo de instrumentos (báscula, probeta, embudo, varilla de axitar...) e estratexias para calcular. Moi bo traballo e moi boa recepción por parte dos seus compañeiros e compañeiras.


TALLER CIENCIAS: DENSIDADE E FLOTABILIDADE

Esta sinxela experiencia realizada e presentada hoxe por Carla, Chano, Aidan e Carlos axudou a comprender mellor o concepto de densidade da materia e o motivo de que algúns corpos floten.
Por que unha bóla de plastilina non flota na auga e un barco feito con esa mesma cantidade de plastilina si o fai?
Por que un ovo se afunde na auga pero flota en auga con sal?

20/3/17

TALLER CIENCIAS: COMO SE COMPORTAN OS GASES?

Manuel, Anxo, Yago e Sara Elisa (equipo 5) propuxeron hoxe unha sinxela maneira para comprobar a expansión  dos gases. Unha barriña de incienso  queimándose dentro dunha botella, tapar todo o que sexa posible e... O gas que se desprende desta combustión vai enchendo a botella. Tamén podemos percibir o cheiro do incenso desde distintos lugares da aula. A mobilidade das moléculas en estado gasoso explica estes feitos e os alumnos/as do equipo souberon expoñelo moi ben para os seus compañeiros/as.

13/3/17

MEDIA LARANXA OU LARANXA ENTEIRA?

O 8 de marzo celébrase o Día da Muller Traballadora. No noso centro organizamos uns obradoiros de Coeducación coa participación de Iria e Sandra, de Educultoras.
A actividade ""Os mitos do amor romántico: media laranxa ou laranxa enteira?" levounos á reflexión e debate a partir de coñecidas cancións. As letras esconden, en moitas ocasións, aspectos negativos no referente ao que deben ser as relacións. 
Cada equipo de traballo tivo que intentar atopar eses mitos para transformar os textos cambiando o seu enfoque. 
Interesante actividade!

2/3/17

VIVA O ENTROIDO!!!!


Este ano, os nenos e nenas de 5º, decidiron disfrazarse seguindo a moda steampunk, de científicos tolos ou de personaxes das obras de Xulio Verne, en relación á temática anual en torno á obra deste escritor. Unha vez máis, temos que agradecer ás familias a súa implicación tanto na elaboración dos disfraces como na participación no desfile. Moitas grazas a todos!

13/2/17

INSPIRÁMONOS CON XULIO VERNE

Xulio Verne protagoniza unha grande parte do traballo que facemos no colexio durante todo o curso escolar.
Nas clases de Plástica estamos intentando crear algún artiluxio que ben poidera aparecer en calquera das súas obras literarias: máquinas do tempo, vehículos, ... Ata un apartamento espacial!

E tamén estamos a tope coa nave que nos leve da Terra á Lúa, con dúas persoas encargadas de coordinar o traballo (Idalina e Chano son os reponsables de introducir melloras coas aportacións do grupo).
Todas e todos estamos desexando rematar para incorporala á decoración do corredor da entrada!


XII TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ


Estes días o patio de recreo está moi caldeado coa celebración do noso tradicional campionato de brilé. Estes son algúns dos compoñentes dos equipos NEMO e LÚA, preparados para enfrontarse. 

Que non falte o xogo nas vidas dos peques!

LUISA, QUERÉMOSTE

Idalina, Carla e  Candela prepararon esta sorpresa para Luisa no día do seu aniversario.

8/2/17

A TERRA, O NOSO PLANETA - 5º ED. PRIMARIA


Anxo, Sara Elisa, Yago e Manuel traballaron moi organizados no equipo para buscar información e elaborar este documento para aprender un pouco máis do tema e transmitirlles aos demais curiosidades sobre o noso planeta. Notouse a boa coordinación na magnífica exposición que fixeron... A pesar dos nervios previos dalgúns!


O SISTEMA SOLAR - 5º ED. PRIMARIA

Brais Portos, Carla, Carlos e Chano traballaron moito para elaborar este documento con ComicLife para ipad. Usaron diversas fontes de consulta para seleccionar e redactar os textos dun xeito ordenado, coherente e entendible. Finalmente conseguírono e fixeron unha presentación fantástica para os seus compañeiros e compañeiras. Parabéns polo voso traballo!


O UNIVERSO - IMAXE INTERACTIVA

Empezamos a publicación dos traballos feitos polos equipos de traballo de 5º.
Candela, Diego, Aidan, Bruno e Alén traballaron coa aplicación ThingLink para ipad e hoxe fixeron a presentación para os seus compañeiros/as de clase. Captaron a atención do público e tiveron que contestar múltiples preguntas. Moi ben rapaces e rapaza!

19/1/17

O HOME DO SACO

Seguimos contando coa colaboración das nosas queridas nais. Nesta ocasión, María Gigirey, veunos contar unha historia do Home do Saco. Quen non se meteu algunha vez debaixo das sabas sen asomar sequera unha man pensando neste personaxe? Moitas grazas, Mari.



18/1/17

PARABÉNS

Despois de estar pelexando co meu ordenador durante todo o Nadal e xa superados os problemas tecnolóxicos, empezo a miña andaina neste blog felicitando a todos e todas as que cumpriron anos durante o primeiro trimestre: Chano, Candela, Manuel, Fabrizio, Brais, Luis, Rodrigo e Carmela.
Parabéns e que cumprades moitos máis.

20/12/16

KYE KYE KULE

Vídeo do final do festival de Nadal 2016. Os nenos e nenas de 6º gozan compartindo este ritmo africano con todos/as os/as asistentes.


"A VERDADEIRA HISTORIA DE CARAPUCHIÑA VERMELLA"

Aquí vos deixo o vídeo, sen editar, da representación que fixo o alumnado de quinto no festival de Nadal 2016. "A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella" resultou ser unha divertida obra teatral que deleitou a pequenos e maiores.
Moi ben por estes rapaces e rapazas. Tamén parabéns para Tomé e Sandra, que colaboraron na elaboración dos magníficos decorados e para a profe Luisa que conseguíu ver sobre o escenario os froitos do seu traballo.



CONCERTO DE ANO NOVO: "MARCHA RADETZSKY"

O alumnado de 5º participou no festival de Nadal coreografiando esta composición de Johan Strauss, famosísima por ser interpretada cada ano como remate do concerto de ano novo en Viena.



14/12/16

COMPARTINDO CIENCIA

Rematamos a "Semana da Ciencia en Galego" levando as nosas experiencias aos compañeiros/as doutras clases (1º, 2º, 3º e 4º) e incluso ao patio do recreo. Estas son as imaxes que nos quedan da experiencia.

COMPARTIMOS CIENCIA NOUTRAS AULAS on PhotoPeach

24/11/16

CIENCIA NA AULA DE QUINTO

O mes de novembro é o mes que adicamos a traballar a ciencia en galego. Empezamos coa  magnífica xornada do día 14, adicada á Química. Podedes ver o vídeo en leriasdevite.

Durante esta semana levamos á práctica 3 experiencias moi variadas, todas elas relacionadas con Jules Verne e 3 dos seus títulos ("Vinte mil leguas de viaxe submarina", "A volta ao mundo en 80 días" e "Da Terra á Lúa").
Por que o Nautilus podía submerxirxe no mar e saír á superficie? Como está construída a Torre Eiffel e outros edificios altos de todo o mundo para que se manteñan en pé? Como pode subir unha nave ao espacio?
 Nos vindeiros días compartiremos a nosa aprendizaxe con nenos e nenas doutros cursos.




16/11/16

AS RESPOSTAS QUE NOS DA A CIENCIA

O comportamento dos fluídos, as reaccións químicas, os ácidos e as bases, as densidades... Estes e outros moitos conceptos manexaron os nosos nenos e nenas coa dirección de María, Raquel, Miguel e Jorge (membros da Asociación Xuvenil Galega de Química).
Tiveron a oportunidade de comprender e/ou facer o seguinte: descifrar mensaxes segredas, que facer cando temos acidez de estómago, fabricar neve artificial para a nosa árbore navideña, preparar de xeito ben doado as "esterificacións" que vemos en Master Chef, facer un semáforo de moitas cores usando fluídos de distintas densidades, inflar un globo aproveitando as burbullas dunha reacción química...
Foi unha sesión moi didáctica. Mágoa de non ter máis tempo!

9/11/16

OBRADOIROS DE QUÍMICA


O luns poderemos exercer de científicos. Será nos obradoiros que nos presentarán os membros da Sociedade Xuvenil Galega de Química. Un total de 5 experiencias diferentes nas que poderemos participar en pequenos grupos.

DÍA DO PEÓN 2016

O venres lembrade traer os mellores ánimos para lanzar os vosos trompos e que bailen sen parar! Se chove estaremos no pavillón e se fai bo estaremos na pista de arriba.

7/11/16

EMPEZAMOS A APRENDER CON JULES VERNE

Estas son algunhas imaxes das actividades que estamos a facer a partir da obra de Jules Verne co alumnado de 5º.
Para empezar a lectura de varios dos seus libros, a busca de información para "viaxar" cos seus protagonistas e a participación na ambientación do cole.


26/6/16

AMORIÑOS COLLÍN

O alumnado de 5º EP interpretando "Amoriños Collín", baixo a batuta da profe Sandra.

20/4/16

ENTREGA DE PREMIOS BRILÉ 2016

Rematou o torneo de brilé 2016 con grande éxito de participación e, o millor de todo, sen incidencias graves. Seguindo as bases do mesmo, todos os equipos participantes gañaron un premio (ademais do diploma de participación).
XI TORNEO ESCOLAR DE BRILÉ (XANEIRO – ABRIL 2016) - RESUMO FINAL
OURENSE     
PORTELA     
LUGO            
CORUÑA      
SANTIAGO   
VIGO             6º

Parabéns para o alumnado participante e para as alumnas - axudantes, que estiveron cada día coidando de que todo saíse ben.

ENTREGA DE PREMIOS BRILÉ 16 on PhotoPeach

8/11/15

DÍA DO PEÓN 2015

Estes días estamos practicando cos nosos trompos para perfeccionar a técnica. O mércores estaremos a tope durante o recreo para celebrar o Día do Peón 2015.
Estas son imaxes e vídeos recollidos na clase de EF o venres.

28/10/15

Samaín

Lembrade que dentro destas actividades NON hai nada nin programado nin referido a vir disfrazados, así que solicitamos que NON o fagades mañán!

Aproveitamos para lembrarvos que os días venres 30 de Outubro e luns 2 de Novembro son NON LECTIVOS.

11/9/15

Material principio de curso

Ante as dúbidas que expresáchedes sobre o material de inicio de curso informamos que a vindeira semana todos os niveis terán un listado completo deste. Coma sempre podedes ir traendo o típico estoxo de superheroes ou a mochila do equipo de baloncesto co material clásico: lapis, goma, afiador, ceras... Todo o demais, como carpetas, portafolios, libretas será solicitado a vindeira semana.

Gracias pola vosa paciencia. Vémonos o luns.

8/9/15

Reunión Importante

O Claustro do CEIP de Vite solicita a presenza de todas a familias.
LUGAR: Salón de Actos do colexio
DATA: Mércores 9 de setembro
HORA: 18:30
Informarase a toda a Comunidade Educativa do CEIP de Vite da grave problemática de inicio do curso 2015-16.
(Para axilizar a reunión pregamos que só veñan pais, nais e titores legais).

O Claustro.

5/6/15

CARREIRA DE OREINTACIÓN

Estas son algunhas imaxes recollidas durante as carreiras de orientación en equipo realizadas na clase de Ed. Física esta semana. Percorreron todo o entorno do centro para atopar as balizas de sinalización e completar o percorrido trazado no plano.

24/5/15

AS CINCO SECUENCIAS 6º

Déixovos esta presentación cunha mostra da actividade de expresión corporal realizada a semana pasada na clase de Educación Física.




15/4/15

EDUCACIÓN VIAL

Estas son as imaxes da actividade na que participaron hoxe os nenos e nenas de 5º e 6º: un "contacontos musical" na que repasaron algunhas normas de circulación ademais de desfrutar cantando a todo volume.


14/4/15

OBRADOIRO DE EMOCIÓNS

Estas son as fotos que fixen ao alumnado de 5º con motivo da participación nun obradoiro de emocións no edificio de Abanca da Rúa do Vilar.


12/4/15

ENTREGA DE AGASALLOS DO X TORNEO DE BRILÉ

A X edición do torneo de brilé rematou coa entrega de agasallos a todos os equipos souberon xogar resolvendo pacificamente os conflitos. Tamén recibiron agasallo as catro nenas de 5 que desempeñaron o labor de axudantes de maneira moi eficaz.

21/12/14

FESTIVAL NADAL TARDE E VISITA Á AULA DAS SSMM OS REIS MAGOS

Como o prometido é débeda, aquí tedes a vosa actuación no festival de nadal da tarde. Engadín tamén algunha foto da visita dos Reis Magos á nosa aula.



19/12/14

Festival de Nadal: o circo da vida.

Ola a todos: déixovos a actuación que fixeron, pola mañá, os vosos fillos e fillas no festival de nadal. Boas festas a todos e Feliz Ano!


17/12/14

XOGANDO AO CINE EN EDUCACIÓN FÍSICA

Hoxe, na clase de Ed. Física de quinto, tocaba xogo libre. Algúns nenos e nenas quixeron adicar ese tempo a facer un pequeno trailer de cine, coa axuda dos ipads (aplicación IMOVIE).
Só dispuxeron duns 35 /40 minuntos así que non podemos pedir moito máis.


15/12/14

NADHIFA EN INDONESIA

Nadhifa tivo que regresar ao seu país, Indonesia, e desde alí mandounos un correo electrónico con estas fotos na quer aparece na compaña dos seus amigos e profes.


16/11/14

O PEÓN: XOGOS E TRUCOS

Déixovos este vídeo feito coa colaboración da maioría do alumnado de 5º e 6º, como traballo da área de Ed. Física.

15/10/14

OS MONITORES E MONITORAS DOS XOGOS TRADICIONAIS

Durante os recreos dos luns e xoves (máis outros días que eles teñan ganas) a maioría do alumnado de 5º e algúns de 6º estarán polo patio lucindo os seus petos laranxas de MONITOR/A.
Xa empezaron coa súa función de xogar con outros nenos e nenas de diferentes idades para ir transmitindo, de xeito oral todos aqueles coñecementos sobre xogos tradicionais que eles xa teñen.