30/10/17

COMPOSTAXE NO NOSO COLEXIO

E seguimos avanzando paso a paso no compromiso co noso entorno. Hoxe empezamos a nosa participación nun proxecto moi ilusionante: "Compostaxe nos centros de ensino".
Coa axuda de María e Óscar da asociación ADEGA e a colaboración do concello de Santiago encargarémonos dos traballos precisos para elaborar fertilizante natural a partir dos restos das merendas e das comidas do comedor.
Primeiro falamos da importancia da reciclaxe para reducir residuos e despois axudamos na montaxe e preparación dos composteiros.
Agora teremos que informar ao resto do alumnado do cole para que todos poidan colaborar.
Como podedes ver nas imaxes tamén "estreamos" alumna en prácticas; é alemana e chámase Lorraine. Ningún problema de comunicación e menos nun curso no que xa contamos con alumnado de medio mundo. Benvida!

AS ÁRBORES DO PATIO

Despois de ver Galicia e Portugal ardendo de maneira descontrolada empezamos a escoitar opinións sobre a importancia da flora autóctona para preservar a diversidade que sempre houbo no noso entorno.

Nós xa nos puxemos a traballar desde distintas áreas para coñecer as árbores do noso cole e as súas características. É un bo xeito de averiguar cales son autóctonas e aconsellables para a repoboación nos bosques queimados.
Estamos usando dúas aplicacións (Arbolapp e Pl@antNet) e axudándonos con guías e outros recursos. Non está sendo moi doado pero sí moi interesante e entretido.

A nosa alumna en prácticas Verónica encárgase, xunto coas titoras, de completar este traballo e engadir un novo apartado de vocabulario en italiano ( o seu idioma).

25/10/17

INVENTOS INTERESANTES: O XADREZ

PUBLICADO POR BRAIS PORTOS  

Cóntanse moitas historias sobre o xadrez. Dise que o inventou un sabio indio para divertir ao seu rei, tamén que o creou o xeneral grego Palamedes no ano 1240 a.c. para animar aos soldados.

O antepasado do xadrez chámase chaturanga. É un xogo indio de loita que apareceu no século VI d.C . Xogábase nun taboleiro de 64 casiñas, pero con dados. As súas catro pezas representaban un exército: soldados de infantería, elefantes, tanques e cabaleiros.

No século XVII establecéronse definitivamente as regras do xadrez a partir dese antigo xogo de Guerra.

INVENTOS INTERESANTES: CEPILLO DE DENTES

PUBLICA BRAIS PORTOS


UNHA POLIÑA ENTRE OS DENTES
Os exipcios utilizaban pequenas pólas para limpar os dentes, mordisqueaban a punta e, co puñado de fibras que obtiñan, limpábanse os dentes. Máis adiante, os gregos utilizaron bastonciños de madeira, de óso ou de metal precioso: os primeiros escarbadentes!

CEPILLOS DE PELO DE ANIMAIS 
No século XV, os chineses inventaron o antepasado do cepillo de dentes: un mango de óso dotado con pelos ásperos de xabarín. Este utensilio apareceu por primeira vez en Europa no século XVI.

21/9/17

O LABORATORIO NA AULA

Todos os seres  vivos están formados por células. Podemos diferenciar algunhas delas observando a través do microscopio? Niso andivemos estes días no noso recén inaugurado laboratorio de aula.






23/6/17

FESTA FIN DE CURSO 2016-2017

Estas son as imaxes que nos deparou a xornada de hoxe: moita diversión e convivencia.
Grazas a todas as persoas que fixeron que este curso fose bonito e produtivo para o noso alumnado.
Que teñades unhas magníficas vacacións!


22/6/17

POLA CONTORNA DO COLE

Coa calor e o remate do curso decidimos facer un tempiño extra para debuxar aproveitando as posibilidades que nos ofrece a zona privilexiada na que está o noso cole. E aquí os tedes pintando e tamén xogando un pouco.
O xogo do tren das agachadas foi un remate perfecto e moi, moi divertido!

20/6/17

XOGOS DIVERTIDOS PARA UN DÍA DE CALOR

Este era o día perfecto para estas actividades: clase de Educación Física a última hora e calor a tope.
As imaxes falan do que nos aburrimos hoxe.

ENTREGA DE PIENSO PARA OS GATOS DE VITE!

Hoxe aproveitamos a clase de Ed. en Valores para facer entrega do pienso de gatos dos donativos que recollemos nestes días no cole. Amal actuou de portavoz do grupo e explicoulle a Mª José Carbonell, "activista animal" de ARGO, o traballo realizado desde a súa charla na nosa clase. Foi emocionante para todos/as comprobar a importancia das nosas accións, aínda co pouco tempo que tivemos para esta actividade.

A caixa seguirá no cole para seguir recaudando todo o que vós queirades aportar para os gatos do barrio. E xa atopamos un deles durmindo na nosa casa de gatos!


19/6/17

EXCURSIÓN FIN DE CURSO 2016-2017

Isto foi o que nos deixou a xornada de hoxe na nosa saída didáctica á cidade de A Coruña, coa visita ao Acuario e á Domus. Desculpade pola mala calidade de algunhas imaxes, o que conta é o recordo.

31/5/17

OBRADOIRO COCIÑA RUSO-CARIBEÑA

O obradoiro de hoxe consistía en elaborar un dos dous platos elixidos (blinnis - gastronomía rusa/ plátanos en tentación - gastronomía caribeña) seguindo unha receita. 
Debían facelo en equipo e solucionando as dúbidas de interpretación da reeita, problemas técnicos, etc. E, por suposto, o resultado final debía ser comestible.
As profes confiamos no noso alumnado e axudamos o mínimo.
Todo funcionou á perfección!

ESCOLA DE BÁDMINTON COMPOSTELA

Estas son as imaxes da xornada que poidemos compartir con Xoel e Adrián da Escola de Bádminton Compostela. Os seus golpeos levantaron o entusiasmo de todos e animaron a seguir traballando para mellorar.
A ver se en vindeiros cursos podemos contar con este deporte dentro das actividades extraescolares.

A COMPRA NO GADIS

Estas son as imaxes da visita ao Gadis para facer a compra para a nosa receita ruso-caribeña. Ben organizados coa súa lista da compra, comprobando prezos, composición dos produtos para evitar gluten, lactosa e azucre, axustándose ao presuposto...
Impecable actuación e boísima acollida por parte das traballadoras da tenda que incluíu premio: camiseta do Depor ou do Celta!


19/5/17

O AEROXERADOR DE "LÚA CHEA"

Idalina, Manuel, carlos, Rodrigo e Yago traballaron así de ben. Tamén tuvemos a sorte de contar con algún manitas nas familias que nos fixeron todo un pouco máis doado. E os nenos, á súa vez, puideron compartir cos outros equipos as solucións a certos problemas técnicos.

O bo deste concurso é que non temos que entregar os traballos feitos, só as fotos e vídeos do proceso.
Bravo por vós e polo voso entusiasmo!

O AEROXERADOR DOS "GUERREIROS ESPACIAIS"

O equipo formado por Brais Portos, Carla, Luis, Airas e Victoria traballaron a fondo para facer o seu rañaceos con aeroxerador incluído.
Aquí podedes ver o seu traballo do que se senten ben orgullosos/as.
Grazas polo voso esforzo!

18/5/17

O AEROXERADOR DOS "ENERXÉTICOS"

Con moito entusiasmo e solucionando múltiples problemas, algúns con axuda familiar chegou tamén a meta este equipo. A axudiña final foi moi apreciada pola premura do tempo e ademais polos detalles  preciosos que podedes ver: a pila dentro dunha caixiña e a lámpada.

Grazas a todos e todas polo voso esforzo!


17/5/17

O AEROXERADOR DE "ENERXÍA SIDERAL"

Este equipo formado por Alén, Yam, Sara Elisa, Fabrizio e Anxo quixo inspirarse en Jules Verne e a estética steam punk para a súa creación. Moita imaxinación e un bo traballo, repartindo tarefas e axudándose uns a outros. Utilizaron cartóns e botellas de leite, materiais moi lixeiros e doados de atopar. Pegalos resultou ser todo un reto debido, sobre todo, á súa superficie deformada.

A montaxe do motor e resolución de diferentes problemas loxísticos resultou un reto pero tamén moi motivador.

Outro traballo moi ben resolto. Parabéns equipo!

Preme na foto para ver a presentación

O AEROXERADOR DO "NAUTILUS"

Bruno, Antón, Sara Míguez, Diego e Chano remataron o traballo e así de satisfeitos estaban ao remate. 
Rechearon as latas de bebidas con pedriñas, uniron con cemento, buscaron a maneira de equilibrar os materiais reciclados co  motor aportado pola empresa e non perder de vista o sentido estético.

Tiveron que superar múltiples problemas que foron resolvendo por sí mesmos o buscando algunha axudiña ou suxestión. moi poucas. O caso é que o trebello funciona a pesar de que non houbo posibilidade de repoñer unha peza, a peza, defectuosa.

Parabéns para este equipazo polo traballo tan coordinado que conseguiron levar a cabo durante estes días e tamén polo resultado!

A TENDA DOS LARETAS REABRE AS SÚAS PORTAS

A tenda dos Laretas está a pleno rendemento con grandes ofertas, descontos e promocións para atraer ao público.
Este ano dispoñemos de melloras como a entrega de albarán en cada compra, que permite comprobar, reclamar, facer cambios, etc.


9/5/17

ARGO - ASOCIACIÓN POLA PROTECCIÓN DOS ANIMAIS

ARGO é unha asociación que axuda en Santiago aos animais que o necesitan: recollelos na rúa, esterilizalos, curalos, acollelos en fogares de adopción... Todo isto é moito máis coa colaboración de persoas voluntarias como Mª José Carbonell, a nai de Rodrigo, que estivo hoxe con nós para explicarnos este labor tan necesario e transmitirnos as posibilidades que todos e todas temos para poder colaborar na protección dos animais:
- Facer donativos en metálico e incluso de libros, xoguetes e calquera obxecto que poidan vender nos mercadiños solidarios que fan na Praza do Toural os sábados.
- Actuar cando atopamos un animal abandonado.
- Colaborar como  fogar de acollida ou adoptando un animal.
- Donar medicamentos sobrantes a través dos veterinarios.
- Axudar no coidado dos gatos da rúa con auga, pienso, etc.

Moitísimas grazas polo traballo que facedes a diario e por compartir esta xornada con nós.