18/3/20

ANDREA: "O CONTO DO RATIÑO"

Parece que isto de permanecer na casa desperta o mellor de cada un/ unha de vós. Andrea desenvolve a súa mellor faceta na expresión oral ao contarnos este conto, que era o que súa nai lle contaba cando era pequeniña. Parabéns!


ÁLEX VARELA - "O REI ALCE"

Seguimos cos contos do alumnado de 5º A desde as súas casas: Álex Varela contando o conto "O rei alce" desde a súa casa.
Con moita dedicación ao debuxo, aínda que non poidamos velo de cerca, e tamén a contalo.
Grazas por compartilo!


ARCO DA VELLA - ÁLEX E MARTINA

Pero que boa reclusión pasan nesta casa!. Mirade a Álex e a Martina sacando o humor e a creatividade nestas circunstancias difíciles. Moitas grazas tamén ás familias por estas colaboracións que nos animan a todos os demais.
Nunca choveu que non escampara!


17/3/20

CLAUDIA - "O TEU ALIEN"

Claudia, desde a súa casa, tamén quere compartir o seu conto. E espera os vosos comentarios e ánimos polo ben que o fixo!

ALEXANDRA E O UNICORNIO - LARA

Seguimos remexendo nas nosas lembranzas. Hoxe tocoulle a Lara que tén un feixe de expresividade.

16/3/20

"AQUILES, O PUNTIÑO" CONTADO POR ALEJANDRO OTI

Aquí está a primeira colaboración do alumnado de 5º A desde as súas casas: Alejandro Oti contando o conto "Aquiles, o puntiño". 
Como podedes ver fíxoo moooi ben así que espera as vosas opinións e anímavos a que vós tamén participedes.

O coronavirus non vai deixarnos parados!

PROPOSTAS DE AUDICIÓN E LINGUAXE

ACTIVIDADES PARA A CLASE DE BELÉN (AL). DO 16 AO 29 DE MARZO.

-       COMPRENSIÓN LECTORA:
Colle  o libro que esteas lendo e escolle dous capítulos (pode ser un cómic, neste caso escolle dous bloques de 5 páxinas). Agora vas ser ti a profe: tes que inventar 5 preguntas que farías ao teu alumnado sobre ese capítulo (10 en total). 

-       EXPRESIÓN ESCRITA:
Seguro que para a volta ao cole non te vas lembrar de tantas cousas que fixeches! Escríbemo nun diario para poder contarmo. Só precisas nunha libretiña que xa teñas ir poñendo a data e contarme algo guai que fixeras ese día e así compartilo á volta. 

-       EXPRESIÓN ORAL: 
Inventa uns diálogos para a seguinte curta de animación. Se os escribes, mellor! Así poderemos practicalos logo na clase. Pon en youtube: monsterbox, aquí tes a ligazón:  https://www.youtube.com/watch?v=bxPRvKt203U

-       XOGOS COAS LETRAS:
Lembra os xogos que facemos na clase: xogar ao aforcado, palabras encadeadas (por letra ou por sílaba), coller 7 letras e intentar formar todas as palabras posibles,…

-       REPASIÑO:
Se queres facer un repasiño online podes entrar nesta páxina http://www.infantil.librosvivos.net/  e meter o código do teu curso:
2º EP: 132889
3º EP: 113490 ó 116613
4º EP: 113492 ó 116625
5º EP: 120448

·      NOTA PARA AS FAMILIAS: Se precisades máis materiais específicos, queredes máis actividades, recursos TICs ou tendes calquera dúbida, contactade comigo: mariabelensanchezveiga@edu.xunta.gal

Agardo que estedes ben e que nos vexamos moi prontiño! Apertas virtuais!

15/3/20

ACTIVIDADES MÚSICA 5º. SEMANA DO 16 AO 20 DE MARZO


1.- Repasaremos a canción de Treixadura “Se chove” https://www.youtube.com/watch?v=GCltbbXolVQ
Intentade que na casa a escoiten e que aprendan a facer as palmas onde corresponda. Non vos olvidedes de bailar nos fragmentos instrumentais.


2.- Imos ambientar a seguinte paisaxe:
Podemos participar toda a familia. Temos que buscar pola casa obxectos cos que se poidan facer sons para crear efectos sonoros e así dar a sensación de que estamos vendo e escoitando a imaxe. Tamén podemos facer sons coa boca, co corpo,…

4.- Agora traballaremos o ritmo. Temos que facelo sen equivocarnos: https://www.youtube.com/watch?v=vRSJijhRIOs

5.- Por último, vos acordades do ritmo que vimos facer a unha profesora co seu alumno para a marcha Radetzky? Pois agora temos moooito tempo para practicala:https://www.youtube.com/watch?v=C5OREDuZhjM

Espero que as actividades vos gustaran. A semana que ven máis!!!

19/2/20

OBRADOIRO DE COCIÑA: ROSQUILLAS

Este obradoiro é un xeito divertido de traballar a historia, as matemáticas, a lingua... Con este tipo de tarefas non teñen sentido as áreas de coñecemento senón que se produce unha aprendizaxe globalizada e ademais significativa: comprender un texto (a receita) para poder conseguir un produto comestible, facer os cálculos relativos á compra realizada, preparar os ingredientes nas cantidades indicadas, etc.
A experiencia foi magnífica e as rosquillas estaban moooi boas.
Sabiades que este tipo de alimento foi un invento da época romana e popularizouse durante a Idade Media?

ESCONDI-T XOGOS E XOGUETES

O xogo é un dereito e unha necesidade na idade infantil. Tamén é un recurso fantástico para desenvolver múltiples capacidades. Algunhas desas capacidades puxémolas a proba practicando algúns xogos que nos trouxo Sandra, da xoguetería didáctica ESCONDI-T.
Compartimos un tempo moi bonito e... Aínda queda a segunda parte!

5/2/20

A VISITA DE VERO BOQUETE

Aquí quedan as imaxes para o recordo: o traballo feito por todos e asinado pola futbolista, a interesantísima charla que inclúe unha gran dosis de humildade e esforzo e a satisfacción de poder compartir estes momentos.


12/1/20

TELEXORNAL EQUIPO 1

Despois de múltiples problemas coa tecnoloxía publico hoxe o telexornal do equipo 1 que inclúe novas de igualdade e de cine. Magnífico traballo!

22/12/19

NOVEMBRO-DECEMBRO EN 5ºA

Estas son as imaxes dalgunhas actividades feitas desde a última publicación: contos de medo, semana da ciencia en galego, a Tenda dos Laretas, a gravación do telexornal...

TELEXORNAL EQUIPOS 2 E 3

Neste telexornal incluímos o traballo do equipo 2 (formado por Antonio, Sara, Ana, Patricia e Ailén)  e o do equipo 3 (formado por Álex Seoane, Andrea, Claudia e Alejandro Oti).

TELEXORNAL EQUIPO 4

Este é o resultado do traballo deste equipo formado por Joel, Santiago, Noelia e Seil con noticias da actualidade e unha sección de concienciación medioambiental. Moi bo traballo!

10/11/19

Outono na aula de 5ºA

O traballo non deixa tempo para poder publicar a diario pero aquí van algunhas imaxes das actividades que imos facendo. Moitas grazas pola que aportades desde as vosas casas. Estou encantada con tanto entusiasmo de alumnado e familias, facemos un bo equipo!

17/10/19

MERENDA SAUDABLE E MÁIS COUSAS

Esta semana tocou recoller os berros que sementaron (cada equipo a súa plantación); con pan e manteiga ou queixo de untar estaban riquísimos. A opinión é que o verde non está nada mal cando se prepara de xeito divertido así que... seguiremos probando.

E tamén houbo faena de pintura en colaboración con 1º (unha árbore de outono) e unha "catrina" mexicana (representación do día dos mortos) preparando xa o Samaín.


10/10/19

PAN CON COGOMBRO E MENTA

A vida dun centro educativo é moi variada. Isto pódese comprobar con esta pequena mostra de tarefas que fixemos estes días: asaron as castañas que trouxeron, fixeron a primeira visita ao horto que medrou de xeito anárquico (os cogombros, cabaciñas e cabazas invaden todo), disputaron unha animadísima carreira e ademais preparamos os cogombros dun xeito especial (con iogur, maionesa e menta).
Todo provoca curiosidade e aprendizaxe, tamén o traballo máis clásico de aula, que tamén o facemos.

30/9/19

SAÍDAS SETEMBRO: FIC RURAL E DÍA DO DEPORTE

Estas son as imaxes das saídas didácticas que fixemos estes días. Un pouco pasadas por auga pero aínda así sempre teñen o seu proveito.


16/3/19

Comprometidos coa contorna

O alumnado de 6ºEP e a súa titora teñen o compromiso ambiental de recoller todo o residuo plástico que xeremos e tiralo nun dos contedores amarelos cercanos ao cole.
Dende o venres 8M (día da folga, polo que se xerou menos lixo) até onte venres 15M esta foi a cantidade recollida:

Como podemos constatar, a cantidade de envoltorios, botellas, pratos, cubertos dun só uso e demais é brutal. 
E case todo é das merendas do recreo. Entendemos que o cambio mental e a concienciación requiren un esforzo. 
Neste 15M, día onde a mocidade do planeta berrou que "non temos planeta B en caso de catástrofe", mudemos os nosos hábitos e xeremos o menor impacto no noso mundo. 

Porque, efectivamente, non temos un planeta B.